Buscar neste blog

Síguenos en...

02 setembro 2026

Hack&Beers chega ao Ateneo Ferrolán cunha tarde dedicada á ciberseguridade

 

O vindeiro venres 4 de setembro, o Ateneo Ferrolán acollerá unha nova edición de Hack&Beers, un encontro que combina divulgación, ciberseguridade e comunidade nun ambiente aberto e distendido.

A partir das 17:30 horas, profesionais de diferentes ámbitos compartirán experiencias, coñecementos e reflexións arredor da seguridade informática, achegando ao público catro perspectivas moi diferentes sobre un ámbito cada vez máis presente na nosa vida cotiá.

Catro ponencias, catro maneiras de entender a ciberseguridade


Rodrigo Dantés González Mantuano presentará «El equipo azul ataca: Introducción básica a la teoría militar y pensamiento estratégico», unha aproximación ao pensamento estratéxico e á teoría militar aplicada ao traballo dos equipos de seguridade.

Carmelo Toledo achegarase aos «Velos de Maya», nunha intervención que invita a mirar máis alá do evidente e a cuestionar aquilo que damos por feito.

Rafael López García, pola súa banda, propón unha perspectiva diferente e con moito humor en «Si Goyo Jiménez fuera Forense Informático», unha charla que achegará o mundo da informática forense desde un punto de vista orixinal.

Finalmente, Brais Feal Allegue falará sobre «Te explico el Espectro Electromagnético con 20$», unha proposta para descubrir, dun xeito accesible e práctico, as posibilidades que ofrece este ámbito.

O encontro desenvolverase no Ateneo Ferrolán entre as 17:30 e as 20:45 horas, e, como é habitual en Hack&Beers, o coñecemento dará paso tamén ás conversas informais e ás cervexas compartidas no ambigú.

A iniciativa conta co apoio de Sophos Iberia e 2KSystems, que fan posible esta chegada de Hack&Beers a Ferrol.


👉 Inscricións: https://lnkd.in/edgwxTeH

Unha tarde para aprender, compartir e coñecer xente arredor dunha das disciplinas con maior proxección no ámbito tecnolóxico.

Agardámosvos no Ateneo! 

CARMEN ALBERTO REGRESA AO ATENEO FERROLÁN CON «TIERRIÑA»


Unha nova mirada sobre Galicia da man dunha das voces novas da pintura ferrolá


O Ateneo Ferrolán volve abrir as súas portas á obra de Carmen Alberto Rodríguez, que presenta a súa segunda exposición nesta casa, dous anos despois de Morriña, a mostra coa que iniciou a súa andaina expositiva en Ferrol.

Baixo o título «Tierriña», Carmen regresa á súa cidade cunha nova colección na que Galicia, a súa paisaxe, a súa xente, as súas raíces e esas pequenas escenas da vida cotiá volven ocupar un lugar central.

Carmen Alberto, ferrolá e bisneta do recoñecido arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, medrou nun ambiente no que a sensibilidade artística e o interese pola cultura forman parte da súa propia historia familiar. A súa avoa Clara, filla de Ucha, foi unha figura fundamental na súa aproximación á arte desde nena. Na súa formación tamén foi decisiva a pintora ferrolá Eva Liberal, de quen Carmen se considera discípula.

Actualmente continúa a súa formación artística en Sevilla, onde cursa Belas Artes, pero a distancia non fixo máis que reforzar o vínculo coa súa terra. Como ela mesma explica, leva Galicia moi dentro e atopa nela unha fonte constante de inspiración.



Desde a súa primeira exposición no Ateneo, a súa traxectoria foi medrando. En 2025 participou na mostra colectiva Neo-Territorios, dedicada ás diferentes maneiras de interpretar a identidade e o territorio galego. E este mesmo ano o seu traballo acadou un novo recoñecemento ao resultar gañadora do concurso para o cartel da XIX Feira do Viño de Monterrei, entre 44 propostas presentadas.

A súa pintura busca emocionar, transmitir e transformar o cotián en algo extraordinario. Unha intención que xa estaba presente en Morriña e que agora continúa e evoluciona en Tierriña, unha exposición na que Carmen volve mirar cara ás súas raíces desde a perspectiva dunha artista nova que está construíndo o seu propio camiño.



O Ateneo Ferrolán ten o pracer de convidarvos a descubrir «Tierriña» e acompañar a Carmen nesta nova etapa da súa traxectoria artística.

Unha oportunidade para volver encontrarnos con Carmen, coa súa pintura e, sobre todo, con esa Galicia que leva dentro.

08 xuño 2026

Presentación O ring de Yolanda López

 O Ateneo Ferrolán acollerá o vindeiro venres 12 de xuño ás 19:00 horas a presentación do poemario  O ring, a nova obra da escritora galega Yolanda López, publicada por Olé Libros.

O acto contará coa participación da escritora Carmen Blanco Sanjurjo, que acompañará á autora nun encontro literario no que a poesía e a palabra serán as grandes protagonistas. A presentación promete ademais un singular “combate poético”, en sintonía co espírito do libro. Segundo a editorial, a obra constrúese como un auténtico “puxilato poético” dividido en dezasete asaltos, onde a identidade, a resistencia, a soidade e a superación persoal ocupan o centro do discurso literario. 

En El ring / O ring, Yolanda López establece un diálogo entre o boxeo e a vida, entre a loita interior e a procura da propia identidade. A través dunha poesía de forte carga simbólica e expresionista, a autora propón unha viaxe polos medos, as perdas e a capacidade de resiliencia fronte ás adversidades. A obra preséntase en edición bilingüe galego-castelán e forma parte da colección Ites de poesía de Olé Libros. 

Yolanda López conta cunha ampla traxectoria no ámbito literario e investigador. Licenciada en Filoloxía Inglesa, investigadora en diversas universidades e autora de numerosos poemarios, recibiu ao longo da súa carreira diversos premios e recoñecementos literarios.

A cita será unha oportunidade para achegarse á creación poética contemporánea da man dunha autora que entende a escritura como un espazo de combate, resistencia e transformación.


01 xuño 2026

Unha exposición como espazo vivo: arte, memoria e participación arredor da Ilustración


Ata o 5 de xullo, o Ateneo Ferrolán acollerá unha proposta cultural da pintora Carmen Martin , da Escola Aberta de Arte  que vai máis alá dunha exposición convencional. Baixo o título "Retratos da Ilustración:  a artista  presenta unha colección de retratos dos veciños de e veciñas de Ferrol inspirados en figuras da Ilustración, nun diálogo entre arte, historia, identidade e memoria colectiva.

A mostra ocupará distintos espazos do Ateneo, convidando ás persoas visitantes a percorrer o edificio e descubrir a exposición como unha experiencia que conecta salas, historias e perspectivas diversas. Esta distribución busca tamén poñer en valor os distintos recunchos dunha institución que aspira a ser un lugar aberto, dinámico e en constante diálogo coa cidade.

Xunto á exposición desenvolverase un programa de actividades complementarias pensado para públicos moi diversos. A inauguración contará coa proxección dun documental autoria de Jose Luis "Mino" sobre o proceso creativo da mostra, permitindo coñecer o traballo previo da artista, as sesións de pousado e a transformación das persoas participantes nas figuras retratadas.



A música tamén terá o seu espazo cunha actuación vinculada ao universo estético e emocional da exposición, mentres que o público infantil poderá participar nun obradoiro creativo no que crear os seus propios retratos inspirados na época ilustrada.

A programación completarase cun faladoiro arredor da dimensión social da Ilustración, abordando non só os grandes nomes da época, senón tamén as vidas cotiás, os conflitos, as transformacións sociais e os sectores da sociedade que adoitan quedar fóra dos relatos máis coñecidos.

Con esta proposta querese reivindicar a cultura como un espazo de encontro entre xeracións, disciplinas e sensibilidades distintas. A arte convértese así nun punto de partida para reflexionar sobre como representamos o pasado, que historias escollemos contar e que relación manteñen esas historias cos desafíos do presente.

Porque unha institución cultural non é só un lugar onde se conserva a memoria. Tamén é un espazo onde esa memoria se interpreta, se debate e se comparte colectivamente.


22 maio 2026

Un café, libros e galego: nova cita literaria no Ateneo

 O Ateneo Ferrolán celebrará o vindeiro 29 de maio a primeira edición do seu Café Literario en galego, unha proposta aberta á participación de todas as persoas interesadas na literatura e na creación literaria na nosa lingua.



O encontro terá lugar no Ambigú do Ateneo, entre as 18:30 e as 20:00 horas, nun formato distendido pensado para compartir lecturas, textos propios e recomendacións literarias arredor dun café.

A actividade non contará cunha temática nin cunha obra preestablecida. As persoas asistentes poderán achegar un texto propio ou propoñer unha lectura ou autor/a en galego para comentar co resto do grupo.




O Café Literario estará coordinado por Manuel Cendán e pretende ser un espazo de encontro para fomentar o diálogo cultural e o gusto pola literatura galega.

08 maio 2026

A Biblioteca do Ateneo Ferrolán " Anxeles Alvariño" dixitaliza e publica a colección completa do semanario mugardés Democracia

A Biblioteca do Ateneo Ferrolán vén de poñer a disposición pública, a través do repositorio dixital de Internet Archive, a colección completa do xornal Democracia, semanario independente editado en Mugardos entre o 22 de setembro de 1911 e o 30 de xullo de 1914.


Esta publicación constitúe un valioso testemuño histórico da vida social, cultural e política da comarca a comezos do século XX. As súas páxinas recollen información, opinións e crónicas da época, converténdose nun recurso fundamental tanto para a investigación histórica como para a recuperación da memoria colectiva.

Un semanario comprometido coa realidade social da comarca

O xornal Democracia xorde no contexto de expansión da prensa galega de comezos do século XX, favorecida pola eliminación da censura previa e pola Lei de Imprenta de 1883, que permitiron a aparición de numerosos xornais en vilas e concellos pequenos.

O semanario definíase como independente e comprometido coa defensa dos intereses locais e das clases máis desfavorecidas. A súa periodicidade era semanal, pasando a decenal nos seus últimos números. Publicábase principalmente en castelán, aínda que incorporaba tamén elementos en lingua galega.

O seu contido abrangue información política municipal, procesos electorais, conflitos sociais, cultura, educación e a vida cotiá da comarca. Destaca especialmente pola súa postura crítica fronte ao caciquismo e á manipulación electoral, participando activamente no debate público da época e mantendo enfrontamentos con outras publicacións locais, como Ecos del Eume.

Entre as figuras máis destacadas da publicación atópase Xesús Fernández Medina, director do semanario, cun perfil cultural e literario relevante e unha ideoloxía de carácter progresista.

Modernización, emigración e memoria colectiva

As páxinas de Democracia permiten achegarse ao contexto social da comarca de Mugardos e Ares no primeiro terzo do século XX, marcado pola emigración cara a Cuba e Arxentina, así como polos procesos de modernización tecnolóxica e social, coa introdución do ferrocarril, a electrificación ou a incorporación de maquinaria agrícola.

Os temas educativos ocupan tamén un espazo moi relevante no periódico, cunha clara preocupación pola calidade do ensino e pola necesidade de contar con profesorado cualificado.

A publicación contou cun amplo número de colaboradores, moitos deles baixo heterónimos e pseudónimos clásicos, entre os que aparecen nomes como Álvaro Agote (Ovalar), Federico García López (Ocideref ou Ricardo Figa Cee), José Gelpi Souto, José Manivesa, Felipe Pedreira, Anacreonte, Aristarco, Aristóbulo, Británico, Cubiche, Chissis, Diógenes, Enzo, Germánico, Juvenal, Montecristo, Nilo, Ondámetro, Paquito Llebret, Plutarco, Putifar, Rigoletto, Semicronista, Sertorio, Ulises, un cronista rural e Virgilio.

O xornal estruturábase en diferentes seccións: editorial, opinión, “Por el mundo”, municipal, literaria, escolar, sociedade, necrolóxicas e sucesos varios.

Unha fonte histórica de enorme valor

A pesar da súa curta duración, Democracia constitúe unha fonte histórica de enorme valor para coñecer a vida política, social e cultural de Mugardos, Ares e da comarca no primeiro terzo do século XX.

O material empregado para esta dixitalización foi cedido por Rosario Gallego Vila, a quen o Ateneo agradece especialmente a súa colaboración para facer posible a conservación e difusión deste importante patrimonio documental.

Na súa vontade de continuar traballando pola recuperación cultural e histórica da cidade e da comarca, o Ateneo Ferrolán segue desenvolvendo unha intensa tarefa de recollida, conservación e difusión de fondos hemerográficos e bibliográficos que permiten achegar á cidadanía unha parte esencial da nosa memoria social e cultural.

📚 Consulta a colección completa aquí:
Colección dixital de “Democracia” en Internet Archive

04 maio 2026

"Códigos naturais, xeometrias órganicas" á pintura de Olegario Cosano.


O Ateneo Ferrolán acolle unha nova exposición do pintor Olegario Cosano, unha mostra que convida o público a mergullarse nun universo artístico cheo de cor, simbolismo e paisaxes emocionais.

A obra de Cosano desprende unha identidade visual moi recoñecible. Árbores convertidas en formas case oníricas, composicións xeométricas, xogos ópticos e paisaxes imaxinadas conforman un estilo persoal no que a figuración e a abstracción dialogan constantemente. Nas súas pezas, a natureza transfórmase en emoción, e a cor convértese nunha linguaxe propia.

A exposición reúne diferentes traballos nos que destacan os tons intensos, as formas circulares e os ritmos cromáticos que evocan tanto mundos interiores como paisaxes soñadas. Especialmente chamativas resultan as súas árbores imposibles, construídas a partir de pequenas células de cor, que transmiten ao mesmo tempo forza, delicadeza e movemento.

Xunto a estas obras, tamén poden verse composicións de carácter máis xeométrico e simbólico, nas que Cosano explora a harmonía entre forma e espazo cunha estética próxima ao surrealismo e á arte óptica. O resultado é unha mostra variada, chea de contraste e personalidade, capaz de sorprender tanto pola técnica como pola capacidade evocadora das imaxes.


A exposición permite ademais achegarse ao proceso creativo do artista e descubrir unha pintura que non busca reproducir a realidade, senón reinterpretala desde unha mirada íntima e poética.

Unha oportunidade para gozar dunha obra vibrante e chea de imaxinación, onde a paisaxe, a xeometría e a cor se converten nunha experiencia visual aberta á interpretación de cada espectador.

Nado en Córdoba en 1958, Cosano desenvolveu unha linguaxe pictórica de carácter realista, cunha marcada atención ao detalle e ao dominio técnico, que o sitúa na tradición da pintura figurativa contemporánea. A súa obra destaca pola intensidade cromática e pola capacidade de construír escenas cargadas de atmosfera e narrativa visual, onde o espectador é convidado a deter a mirada e descubrir matices. 

Unha cita imprescindible para as persoas amantes da pintura e da creación artística.


30 abril 2026

Presentación " Diarios (1938 e 1945)" de Syra Alonso

Image

 O vindeiro xoves 7 de maio ás 19:00 h, o Ateneo Ferrolán acollerá a presentación dunha obra imprescindible para comprender a memoria histórica en Galicia: Diarios (1938 e 1945) de Syra Alonso.

Un testemuño único da Guerra Civil

Publicados por Editorial Alvarellos, estes diarios constitúen unha das crónicas máis impactantes da represión franquista. A voz de Syra Alonso emerxe desde o exilio para relatar o terror vivido en Galicia e a loita desesperada por salvar ao seu home, o pintor Francisco Miguel, asasinado en 1936.

Esta nova edición chega actualizada e ampliada con material inédito, incluíndo textos, imaxes e documentos que enriquecen o valor histórico e humano da obra.

Unha edición ampliada e necesaria

O volume incorpora:

  • Un estudo introdutorio da xornalista e ensaísta Carme Vidal

  • Tradución ao galego de Anxos Sumai

  • Epílogo do investigador mexicano Conrado J. Arranz

  • Un conto descoñecido de Syra Alonso, Tres homiños

  • 16 páxinas de fotografías e documentos inéditos

Estamos, sen dúbida, ante un documento imprescindible que amosa o horror do franquismo e a forza da resistencia persoal.

Un acto con voces expertas

Na presentación participarán:

  • Inmaculada Otero, escritora e crítica

  • Susana Alaniz, presidenta da A.C. Fuco Buxán

  • Carmen Rodeja, da ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica)

Un encontro que convida á reflexión colectiva sobre memoria, identidade e xustiza histórica.







23 abril 2026

Ciclo de Animación no Ateneo Ferrolán

Novo ciclo de animación da man de A.G.S Productions, unha proposta diferente, dinámica e moi conectada coa nosa identidade cultural.

Durante varias sesións entre abril e maio, poderedes gozar dunha serie de curtas de poucos minutos, proxectadas de maneira continua. Isto permite unha experiencia flexible: podes entrar e saír cando queiras, sen perder o fío nin a esencia do que se está a contar.


📅 Datas e horario

  • Abril: 20 e 27

  • Maio: 4, 11, 18 e 25

  • Hora: de 19:00 a 20:30 h

Que imos ver?

As pezas que compoñen este ciclo están cheas de humor, retranca e emoción, cun estilo visual atractivo e accesible para todos os públicos. As historias lévannos a un universo onde conviven:

  • Personaxes da tradición galega como o Apalpador

  • Situacións inesperadas e encontros (ou desencontros!) con figuras como Papá Noel

  • Olladas orixinais sobre temas como a historia do tren en Galicia

  • E moitas outras pequenas historias que mesturan o cotián co fantástico

Un fondo con significado

Máis alá do entretemento, este ciclo propón unha reflexión necesaria:
aceptar a propia identidade cultural e aceptarse a un mesmo, mesmo cando un se sente diferente.

Cada curta, desde a súa sinxeleza e brevidade, constrúe un relato que pon en valor quen somos, de onde vimos e a importancia de recoñecernos na nosa diversidade.

Un convite aberto

“De balde!” — como ben anuncia o cartel —, este ciclo é unha oportunidade perfecta para achegarse ao Ateneo, descubrir novas formas de contar historias e compartir unha experiencia cultural aberta e inclusiva.


22 abril 2026

Novo obradoiro no Ateneo Ferrolán: Teatro Playback, historias reais que cobran vida

No Ateneo Ferrolán seguimos abrindo espazos para compartir, crear comunidade e experimentar novas formas de cultura participativa.

 

Por iso presentamos unha actividade diferente, aberta e sorprendente: un obradoiro de Teatro Playback.

Pero… que é exactamente?

Un teatro onde ninguén sabe o que vai pasar

Non hai que actuar “ben”.

Non hai que ter experiencia teatral.

Un espazo seguro, creativo e humano

Para todo o mundo


É unha actividade accesible para calquera persoa con curiosidade e ganas de participar.

Ás veces nin sequera cadeiras.

Abonda cun grupo disposto a escoitar e deixar que a imaxinación faga o resto.


Que faremos no taller?

O Teatro Playback é unha forma de teatro improvisado na que as historias nacen das persoas participantes. Alguén conta unha pequena experiencia, unha anécdota ou un momento vivido, e outras persoas represéntano no instante, con movemento, emoción, música ou palabras.

Non hai guión previo.

Só ganas de escoitar, compartir e xogar.

Ás veces as historias son divertidas. Outras veces emocionantes, absurdas ou cotiás: un café que se derrama antes de saír da casa, unha conversa inesperada, un recordo da infancia ou simplemente como chegamos ese día ao taller.

O interesante non é facer unha gran obra, senón descubrir como unha vivencia pequena pode transformarse en algo colectivo.



 

Pouco a pouco créase un ambiente de confianza onde as persoas se senten máis próximas, máis libres e máis conectadas.

O Teatro Playback non está pensado só para xente de teatro.


Non fai falta escenario.

Durante as sesións imos:

compartir pequenas historias persoais,
traballar a escoita e a improvisación,
experimentar co corpo, a voz e o movemento,
xogar con dinámicas teatrais sinxelas,
e, sobre todo, pasar un bo rato nun ambiente acolledor e participativo.



Porque ás veces as mellores historias non están nos escenarios: están na vida cotiá das persoas que se xuntan para compartilas.



Para unirse ao grupo

611 281 910



14 abril 2026

“Luz de obra”, de Darío Barros, preséntase no Ateneo Ferrolán con música en directo



Celebramos o vindeiro 24 de abril ás 19:30 horas a presentación do poemario Luz de obra, do poeta Darío Barros, nun acto que contará ademais coa participación musical de Cristóbal Veiga á guitarra e coa presenza tamén de Alexander Cainzos.

A proposta combina palabra e música nun formato íntimo, no que a poesía dialoga co acompañamento sonoro, creando unha experiencia sensorial e emocional para o público.

Unha poética da memoria e da vida

En Luz de obra, Darío Barros propón un percorrido poético polas estancias da memoria e polos vínculos que nos constrúen como persoas. A obra atravesa o ciclo vital —desde o nacemento ata a vellez—, explorando espazos tan significativos como os hospitais ou os fogares marcados pola ausencia.

Os poemas entrelazan temas como a orfandade e a paternidade, convidando a reflexionar sobre a herdanza emocional e o paso do tempo. A obra sitúase así nun territorio onde conviven dor e beleza, e onde a poesía funciona como unha ferramenta para comprender e habitar o presente. 

A traxectoria do autor, vinculada tamén ao ámbito da psicoloxía e da educación, reflíctese nunha escrita que afonda na experiencia humana desde unha ollada íntima e consciente.

Música e poesía en diálogo

O acompañamento de Cristóbal Veiga engade unha dimensión especial ao acto. Guitarrista cun percorrido ligado á escena musical galega, forma parte da banda Bang 74, proxecto no que desenvolve unha proposta sonora con identidade propia.

Neste formato máis próximo, Veiga adapta o seu rexistro para dialogar coa palabra poética, creando atmosferas que amplían os matices dos textos e reforzan a súa carga emocional.

O Ateneo como espazo de encontro

A presentación insírese na liña de actividade do Ateneo Ferrolán como lugar de referencia cultural na cidade, aberto á creación contemporánea e á hibridación de linguaxes artísticas.

Un convite á escoita

A cita do 24 de abril preséntase como unha oportunidade para achegarse á poesía actual desde unha experiencia compartida, na que palabra e música se entrelazan.

Un acto pensado para escoitar con calma, deixarse levar e descubrir novas formas de emoción e pensamento.


Arroas de Ferrolterra en concerto no Ateneo Ferrolán

O vindeiro 23 de abril ás 20:00 horas un concerto de Arroas de Ferrolterra, unha proposta musical ligada ao territorio e á escena cultural da comarca.

A actuación terá lugar nun formato próximo, que permitirá gozar da música en directo nun espazo de escoita atenta e conexión co público, unha das señas de identidade da programación do Ateneo.


Un proxecto musical con raíz local

Arroas de Ferrolterra é unha formación que nace no propio territorio, cunha proposta que combina tradición e sensibilidade contemporánea. A súa presenza nas redes e no ámbito local amosa un proxecto vinculado á música feita desde a proximidade, con atención á identidade e á expresión propia da comarca.

Aínda que cun percorrido discreto nos grandes circuítos, o grupo forma parte desa escena viva que medra arredor de iniciativas culturais e espazos como o Ateneo, apostando por formatos directos e honestos.

Música e comunidade

Este concerto insírese na liña de programación que busca dar visibilidade a proxectos locais e crear espazos de encontro arredor da música. A proximidade co público e o carácter acolledor do Ateneo converten cada actuación nunha experiencia compartida.

A cita do 23 de abril será, así, unha nova oportunidade para descubrir ou redescubrir o talento musical de Ferrolterra, nun ambiente íntimo e participativo.

Un convite aberto

Desde o Ateneo Ferrolán convídase a todas as persoas interesadas na música en directo a achegarse a este concerto, que promete ser unha velada especial, marcada pola cercanía e pola autenticidade.


Poesía Salvaxe XVIII 2026. " Non a Guerra!!!"

 Poesía Salvaxe 2026 no Ateneo Ferrolán: unha cita coa palabra viva

O ciclo Poesía Salvaxe 2026 fai parada no Ateneo cun encontro poético que terá lugar o xoves 23 ás 18:00 horas, na Sala 2 de Exposicións (3º andar) do Ateneo Ferrolán, á que de xeito informal chamamos " Sala Karlotti".

A sesión reunirá un conxunto de voces destacadas da poesía contemporánea, configurando un programa diverso e de grande riqueza expresiva. Participarán Pepe Cáccamo, Francisco Sampedro, Iolanda Tojeiro e Eva Veiga, sendo esta última presentada por Nicolás Vidal.


Un encontro de voces singulares

Pepe Cáccamo, poeta cunha longa traxectoria, destaca pola súa escritura de fonda carga simbólica e reflexiva, onde a palabra se converte nun espazo de exploración existencial e estética.

Francisco Sampedro achega unha voz comprometida e atenta ao territorio, á memoria e á identidade, construíndo unha poesía que dialoga co presente desde unha ollada crítica e sensible.

Iolanda Tojeiro, pola súa banda, desenvolve unha obra marcada pola intensidade emocional e a delicadeza expresiva, con especial atención ao íntimo e ao cotián.

O peche correrá a cargo de Eva Veiga, unha das voces máis recoñecidas da poesía galega actual, cunha escrita de gran musicalidade e profundidade, na que a linguaxe se abre a dimensións sensoriais e filosóficas. A súa intervención será presentada por Nicolás Vidal, quen contextualizará a súa traxectoria e proposta poética.

A poesía como experiencia

Este encontro insírese na filosofía de Poesía Salvaxe, unha iniciativa que aposta por unha poesía viva, aberta e en diálogo co público. Máis alá do recital convencional, trátase dun espazo para a escoita activa, a emoción compartida e o descubrimento.


Ferrol convértese así, unha vez máis, nun punto de encontro para a creación contemporánea.